Inicio Reportajes Programa Alerta Anxioedema

programa alerta anxiodema

Programa Alerta Anxioedema

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade galega, pon en marcha, en colaboración coa Sociedade Galega de Alerxia e Inmunoloxía Clínica, o Programa Alerta Anxioedema. Tal e como explicou na presentación desta iniciativa o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, o principal obxectivo do Programa é mellorar e axilizar a atención ás persoas diagnosticadas de anxioedema hereditario a través da potenciación da coordinación dos diferentes niveis asistenciais e a facilitación do acceso aos medios de atención urxente extrahospitalaria que xestiona Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

No acto, que tivo lugar nas dependencias do Hospital Xeral, tamén estiveron presentes o director do 061 de Galicia, José Antonio Iglesias Vázquez; o director de Procesos Asistenciais sen Ingreso e Urxencias da Xerencia de Xestión Integrada, Francisco Javier Caramés Casal; e a xefa de sección de Alergoloxía do Chuvi, Carmen Marcos Bravo.

Inscrición no programa

Os pacientes diagnosticados desta enfermidade serán informados polos servizos de alergoloxía dos seus centros hospitalarios da posibilidade de inscribirse neste programa específico para a atención ao anxioedema hereditario. Para a súa inclusión no programa, que se realizará de maneira voluntaria, os pacientes deberán enviar unha copia do seu informe clínico actualizado e un formulario de inscrición cos seus datos persoais e un número de teléfono de contacto, dirixido á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. As persoas inscritas recibirán unha tarxeta que lles identifica como pacientes do programa.

Desta maneira, no caso de que calquera persoa inscrita teña un problema de saúde en calquera punto da Comunidade Autónoma de Galicia, porase en contacto coa Central de Coordinación do servizo de urxencias prehospitalarias, a través do teléfono 061. Nese momento, o persoal sanitario accederá á súa historia clínica a través dunha aplicación informática, deseñada especificamente para este programa, e resolverá a demanda de asistencia sanitaria en función das necesidades, circunstancias e localización do paciente.

O anxioedema hereditario é unha enfermidade pouco frecuente, orixinada por diferentes alteracións xenéticas que se manifesta por episodios recorrentes de inchazón ou edema localizado en distintas partes do tegumento cutáneo ou tamén nalgunhas mucosas do organismo. Aparece con maior frecuencia en cara, mans, pés, brazos, xenitais ou nádegas.

A manifestación máis dramática da enfermidade é a afectación das mucosas na larinxe que pode causar a morte do paciente pola asfixia provocada pola obstrución total da vía respiratoria. Ata a metade dos pacientes con anxioedema hereditario poden chegar a ter un episodio de edema destas características ao longo da súa vida.

A importancia de recoñecer rápido a estes doentes ven determinada, aparte de pola gravidade dos síntomas, pola existencia dun tratamento especifico para esta, xa que os síntomas poden ser indistinguibles dun shock anafiláctico

Actualmente, na Comunidade Autónoma de Galicia hai 66 pacientes diagnosticados de anxioedema hereditario, pertencentes a 18 familias, sendo a área de Vigo na que se concentran a gran maioría. Neste sentido, cómpre destacar a experiencia do complexo hospitalario universitario da cidade olívica nesta patoloxía.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aposta así, unha vez máis, pola calidade e a mellora continua na asistencia o paciente, que constitúe o eixo do sistema asistencial, a través da prestación de asistencia ás urxencias e ás emerxencias na comunidade galega, as 24 horas, os 365 días do ano.