Vigo. Puertas Abiertas. Angiodema Hereditario.
A XERENCIA DE XESTIÓN INTEGRADA DE VIGO CELEBRA UNHA XORNADA INFORMATIVA DE “PORTAS ABERTAS” SOBRE O ANXIOEDEMA HEREDITARIO.
O obxectivo é facilitar o acceso directo cos especialistas a todas aquelas persoas con dúbidas sobre esta patoloxía ou con sospeita de padecer a enfermidade. O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo é o centro con maior experiencia nesta patoloxía xa que atende ao maior número de pacientes de toda a Comunidade, un total de 36 pacientes de 9 familias.
Con motivo da celebración do III Día Internacional del Angioedema Hereditario (AEH), a Sección de Alergoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo, vai organizar o venres dia 16, unha xornada de portas abertas para informar sobre esta patoloxía. Así, os alergólogos da sanidade pública viguesa estarán a disposición do público interesado en informarse sobre a enfermidade, desde as 11.30 ás 15.00 horas nas catro consultas externas de alergoloxía do Hospital Xeral. O obxectivo desta xornada de portas abertas é facilitar o acceso directo cos especialistas a todas aquelas persoas con dúbidas sobre esta patoloxía ou con sospeita de padecer a enfermidade. O Anxioedema hereditario é unha enfermidade pouco frecuente, orixinada por diferentes alteracións xenéticas que se manifesta por episodios recorrentes de inchazón ou edema localizado en distintas partes do tegumento cutáneo ou tamén nalgunhas mucosas do organismo. Aparece con maior frecuencia en cara, mans, pés, brazos, xenitais ou nádegas. A manifestación máis dramática da enfermidade é a afectación das mucosas na larinxe que pode causar a morte do paciente pola asfixia provocada pola obstrución total da vía respiratoria. Ata a metade dos pacientes con anxioedema hereditario poden chegar a ter un episodio de edema destas características ao longo da súa vida. A importancia de recoñecer rápido a estes doentes ven determinada, aparte de pola gravidade dos síntomas, pola existencia dun tratamento especifico para esta, xa que os síntomas poden ser indistinguibles dun shock anafiláctico. En Galicia hai rexistrados 76 pacientes pertencentes a 23 familias. A maioría dos pacientes son da provincia de Pontevedra, e, en concreto, a Sección de Alergoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo atende ao maior número de pacientes de toda a Comunidade, un total de 36 pacientes de 9 familias. Neste sentido, cómpre destacar a experiencia do complexo hospitalario universitario da cidade olívica nesta patoloxía.